LIMIAR
Hai moitas culturas do mundo que afirman que cultivar a gratitude é símbolo e motivo de felicidade. No noso caso, non estando para nada en desacordo con este postulado, entendémolo máis coma un acto de xustiza, coma un xeito de ser agradecido coas lembranzas atesouradas no corazón da agrupación que son, dalgún xeito, as que máis e mellor xustifican a nosa traxectoria.
Sucedeu o 4 de decembro do ano 2015. Teatro Principal da Estrada. Nun patio de butacas acugulado de público, 35 compoñentes de Tequexetéldere repartidos entre pandereiteiras, músicos e corpo de baile, celebrabamos as vodas de prata da agrupación acompañados pola Banda Cultural da Estrada.